Éncheme esa copa

Olivia e Alicia, Pope e Florrick. Que teñen en común estas dúas personaxes? O viño. Certo que teñen outras cousas en común como ser protagonistas de dúas series de éxito (Scandal e The Good Wife) ou referentes femininos dentro do panorama televisivo norteamericano. Porén, o máis importante para min é a súa relación coa bebida, especialmente co viño (tinto).

Segundo datos do Wine Institute en 1997 os americanos bebían 1,7 galóns de viño per capita. En 2015, esa cifra aumentara ata os 2,83 galóns. Xa en 2017 o número de viñedos nos Estados Unidos medrara ata os 9.901, un crecemento do 4,5% con respecto os datos do ano anterior. Por estados, California é o máis ligado ao viño con 4.202 viñedos, seguido de lonxe por Washington con 747 e Oregon con 713 -se queredes ver unha excelente película sobre a cultura do viño nese estado buscade Sideways de Adrian Payne-. Este paulatino incremento da popularidade do viño no pais depende de varios factores, un deles está relacionado coa regularidade coa que unha estilizada copa aparece nas mans de Alicia Florrick ou Olivia Pope, as series están axudando a fomentar o consumo de viño nun país que, tradicionalmente, optaba por outro tipo de bebidas.

Fixémonos, por seguir co exemplo, nas protagonistas de The Good Wife e Scandal. Santa Alicia (The Good Wife) tiña predilección polo viño tinto. Tras un día de traballo no bufete chegaba a casa, entraba na cociña e dábase unha xenerosa homenaxe. No caso de Oliva Pope o viño é parte clave do carácter da personaxe e do mundo de conspiracións, poder e escándalos no que se move. A imaxe de Kerry Washington en pixama, sentada no seu precioso sofá cun bol de palomitas no regazo e cunha copa -polo xeral tamaño extra grande – de viño tinto na man é icónica para os seguidores desta creación de Shonda Rhimes. Non son as únicas mulleres da pequena pantalla que gozan do elixir de Baco: Skyler White (Breaking Bad), Claire Underwood (House of Card), Carrie Mathison (Homeland), Tami Taylor (Friday Night Lights), Cersei Lannister (Game of Thrones), Jules e a tropa de Cougar Town. Un bo lote, non?

Por que as mulleres das ficcións televisivas beben con tanta profusión? Que nos transmite iso? Que nos queren contar? O máis habitual é utilizar a copa ou botella de viño -Olivia Pope pode beber a morro todo o que lle peta e máis- como símbolo da presión que soporta a muller que a suxeita. A escena repítese en infinidade de dramas televisivos, elas tenden a estar nas súas casas, soas, bebendo e pensando; así é como se transmite ao outro lado da pantalla o seu estado de preocupación, inquedanza, medo ou soidade.  As mulleres das series beben viño porque a vida lles pasa factura. Se os homes piden un whisky só, elas optan por un tinto. A situación está tan xeneralizada que Amy Schumer parodiou esta reiteración no sketch Football Town NightsA forma na que o viño é utilizado como vía de escape polas personaxes ou para retratar as súas problemáticas funciona como perfecta metáfora visual do seu mundo interior. A predilección por certo tipo de bebidas non é máis que o reflexo do que sucede baixo a superficie, nos peores momentos do matrimonio White, Skyler baixábase copas de viño branco non só para reafirmar a súa autonomía establecendo unha diferenciación con Walter senón para intentar soportar a carga de ser a muller de Heisenberg. Non atopamos moitos exemplos nas series actuais de espazos familiares nos que o viño sexa parte dun acto social, temos as comidas familiares dos Reagan en Blue Bloods, onde os adultos acompañan a carne e os vexetais con viño tinto pero non hai moitos máis exemplos nos que esta bebida non sexa utilizada como vehículo para trasladar a ansiedade existencial da personaxe.

Dun tempo a esta parte vexo como o viño estase a converter nun produto indispensable na narrativa das ficcións contemporáneas. As historias aderezadas con Pinot Noir ou Chardonnay sempre entran mellor. O viño é unha bebida con carácter e historia, chea de misticismo, matices e complexidade, desde o seu significado relixioso (relacionado con diversos ritos) ata o seu uso como elemento de certo status social. O tinto, admitámolo, luce mellor en cámara, e ten un compoñente simbólico que non ten o branco, por iso aparece con máis frecuencia en pantalla.

En producións máis amables, o viño pode funcionar como elemento cómico por esaxeración ou para remarcar a diferenciación entre personaxes. En Cougar Town atopamos un grupo de persoas que adoran o viño e que son capaces de bebelo en calquera lugar a calquera hora e baixo calquera circunstancia, parte da comedia desta serie relacionábase directamente coa cantidade de alcohol que Jules e os seus amigos consumían diariamente. En cambio, as rapazas de The Big Bang Theory beben viño cando quedan, así esta comedia de situación establece un elemento diferenciador entre elas e grupo masculino, a idea de fondo é que elas son máis elegantes e cosmopolitas ca eles.

Mais o viño non só é utilizado para falar en negativo do estado de ánimo dunha personaxe, tomemos como exemplo a Cersei Lannister, a muller que reinou (brevemente) sobre os Sete Reinos; o cambio experimentado por aquela raiña consorte infeliz e frustrada da primeira temporada é substancial pero tamén o é o papel do viño nesa evolución: de axuda para soportar o seu papel insignificante e marxinal nun mundo de homes, sempre ao servizo do seu pai ou marido; a eixo do seu empoderamento cando Cersei executa a súa vinganza sobre todos os seus inimigos facéndoos arder na capital do Reino. A copa na súa man fálanos de poder, de control. Botarei de menos a Cersei, ninguén bebe viño de xeito tan elegante e perverso.

En recentes narrativas serializadas atopamos novas mostras. No thriller psicolóxico Mindhunter (está dispoñible en Netflix), a actriz Anna Torv interpreta á elegante, observadora e intelixente psicóloga Wendy Carr; unha experta contratada polo FBI para axudar no deseño do grupo de conduta criminal e para investigar os perfís psicolóxicos dos asasinos en serie. Wendy é unha personaxe distante, bastante silenciosa pero cun enorme peso na historia e, malia a súa economía verbal, as súas achegas son fundamentais para a evolución das tramas. Pero máis polo que di, esta personaxe fascíname polo que non di. A construción de Wendy está feita a través do silencio, dos xestos, das miradas e, por suposto, da súa relación co viño. Aquí temos outro exemplo máis de achegamento ao estado emocional e de construción de carácter copa en man. Esta académica de aspecto impoluto que se move nun mundo de homes e de violencia é case como un faro de integridade e dedicación laboral que, a soas ou cando comparte espazos informais cas demais personaxes, bebe viño branco. A elección do branco non é casual, tal e como está presentada e concibida Wendy, é lóxico que se decante por este tipo de bebida relacionada con certo status intelectual e laboral. Unha bebida máis sofisticada e complexa, como ela, que a distancia e diferencia dos seus compañeiros e tamén da contorna que habita tras o seu traslado do mundo académico ao mundo do FBI.

Algún día poderemos falar de series nas que o viño ten un papel protagonista como Falcon Crest, Gran Reserva ou Rías Baixas. Eso será outro día, noutro post. Mentres, ide abrindo a botella que vai sendo hora de encher as nosas copas.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

A %d blogueros les gusta esto: