Entrevista a Valentina Morillo y Daniel López. Libro ‘El de la comida de Friends’

Esta entrevista apareció en la ya desaparecida revista Pincha(e)Discos, así que la rescato porque es una lástima no poder disfrutar de las historias y anécdotas de Valentina y Daniel.

O libro de receitas de Friends

Cando pensamos en Friends recordamos o Central Perk, as excentricidades de Phoebe e o seu Smelly Cat, a relación intermitente de Rachel e Ross, as grandes estrelas invitadas (Bruce Willis, Brad Pitt, Isabella Rosellini, Julia Roberts, etc), a obsesión de Mónica coa limpeza e os chistes mordaces de Chandler Muriel Bing. Tamén lembramos os grandes momentos e os capítulos máis míticos pero a moitos se lles escapa que Friends era una sitcom na que había moita comida. Non só polas estupendas ceas de Acción de Grazas que preparaba Mónica, quen por certo era chef, senón tamén pola voracidade de Joey, polas horas que botaban os amigos no Central Perk rodeados de muffins e tortas e polas moitas ocasións nas que saían a comer fóra da casa.

Mentres facían a investigación para o seu libro Del Sofá a la Cocina, Valentina Morillo e Daniel López decatáronse de que Friends era unha serie que merecía un libro de receitas para ela soa porque “aparte dos momentos míticos que a todos nos veñen á cabeza, aparece comida en tódolos episodios e moitas veces forma parte da trama”. Así naceu El de la comida de Friends, o novo proxecto de Valen e Dani, dous podcasters afincados en Burgos que desde fai anos falan do que máis lles gusta -as series e a cociña- no podcast (http://delsofaalacocina.com/) Del Sofá a la Cocina.

O primeiro libro de receitas deste dúo de serieadictos é a obra que todo amante das series de televisión e da cociña necesita. Unha viaxe gastronómica pola pequena pantalla con 104 receitas e referencias a máis de 500 momentos culinarios das series repartidos en apartados tan orixinais como ‘Para antes dun dramón’, ‘Praceres culpables’, ‘Tomas falsas’ ou a sección especial para Acción de Grazas. Nesta obra xa aparecían receitas de Friends pero a sitcom máis famosa da historia daba para máis. El de la comida de Friends recollerá preto de oitenta receitas que irán acompañadas de curiosidades, estatísticas, referencias a tramas e personaxes, unha fotografía do prato e, por suposto, as instrucións.

Tras unha exitosa campaña de crowfunding, Dani e Valen volven ós fogóns, espéralles un verán cheo de traballo e comida. Pero antes de que se pechen na casa a cociñar e comer, a sacar fotografías e editar o libro, falei con eles para saciar a miña curiosidade.

O éxito da campaña de Verkami pillouvos por sorpresa?

Por suposto. Sabemos que Friends ten moitos fans pero non sabiamos se a eses fans íalles a interesar ter un libro coas receitas da serie

Xa que falades de receitas, os pratos da serie que apareceron en Del Sofá a la Cocina terán cabida en El de la comida de Friends?

Si porque non podemos facer un libro sobre a comida en Friends no que non apareza a torta de queixo, o sándwich de albóndegas de Joey ou o trifle de Rachel. Por suposto, as receitas, textos e fotos serán totalmente novos. Polo momento aínda non temos definido o número de receitas que faremos pero calculamos que serán entre 70 e 80.

O traballo de maquetación e as infografías volve recaer en Elena Fernández, con quen xa colaborástedes en Del Sofá a la Cocina.

Elena é unha gran profesional, moi perfeccionista, paciente connosco e admiramos a súa creatividade. Ademais, temos a sorte de que vive en Burgos polo que o proceso é moito máis fácil, podemos reunirnos tomando unha cervexa nunha terraza.

Cal é a vosa receita predilecta?

A de Dani é a torta de queixo. A de Valen, á espera de descubrir unha que a namore logo de preparala, seguramente serán as madeleines.

Seguro que un dos pratos máis complexos de preparar será o trifle que ‘cociñou’ Rachel mesturando froita, chícharos e carne.

Preparámolo en Del Sofá a la Cocina e, aínda que non é moi complicado, por experiencia sabemos que é difícil que quede bonito na foto, así que é o que nos da máis medo volver preparar. Está claro que non o faremos con tenreira e chícharos, substituiremos eses ingredientes por algo que se lle asemelle. Non queremos facer sufrir a ninguén, queremos que todos gocen cociñando e comendo.

Seguindo co trifle, como se come iso? Non recorda á ensalada da familia de Marshall en How I Met Your Mother?

Cómese intentando coller un pouco de todas as capas. E, si, o concepto recorda un pouco á ensalada de HIMYM [Risas].

Para Phoebe o sabor do macolate é como o sabor do mal. Atrevédesvos a describilo?

Imaxinámonos que debe ser como comer terra con algún tipo de aroma artificial. Non só deber ser o sabor do mal, quitarlle o chocolate ao chocolate é o mal en si mesmo.

Algún de vós é un pouco Joey, é dicir, “Non comparte a comida ?

Non [Risas] Dani é bastante lambón como Joey pero non ten ningún problema en compartir, todo o contrario.

Mentres preparábades Del Sofá a la Cocina gañáchedes uns quilos probando cada receita do libro. Coa nova obra é probable que suceda o mesmo. Canto calculades que gañaredes este ano? Empezaredes a correr como Phoebe para perder peso?

Sería boa idea empezar a correr. Pensámolo pero en nada  empezamos a preparar as receitas e non o fixemos, así que o máis probable é que volvamos a engordar uns 5 quilos porque o noso menú diario non terá máis lóxica que a de cumprir co calendario de produción e non será a dieta máis saudable para a época estival

Os capítulos de Acción de Grazas son os máis recordados polos fans que cea, ao voso parecer, foi a mellor de todas?

Todos son xeniais. Unha das máis divertidas é na que aparece Brad Pitt como actor invitado.

Bonus Track: Cando lles preguntas a que ‘amigo’ prefiren, Valentina responde que Rachel. “Gústame a evolución que ten a personaxe e Jennifer Aniston está estupenda como actriz cómica”, explica. Dani, pola súa banda, prefire “o patetismo e a forma que ten de indignarse coa vida de Ross”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

A %d blogueros les gusta esto: